ExpoBus Iberia fai escala en FIAA para promocionar a súa vindeira edición, que será do 24 ao 26 de novembro de 2027

  • CONTA CUN STAND NA DECIMOSEXTA EDICIÓN DESTA FEIRA INTERNACIONAL DO AUTOBÚS E O AUTOCAR, A CAL SE CELEBRA DENDE ONTE EN MADRID

Silleda, 23 de setembro de 2026.- A quinta edición da Feira do Transporte de Viaxantes por Estrada, ExpoBus Iberia 2027, promociónase estes días na décimo sexta edición da Feira Internacional do Autobús e o Autocar (FIAA), a cal se celebra dende onte e ata mañá en Madrid.

ExpoBus Iberia volve a este evento tras ser xa expositor na súa edición de 2024, e faino para promocionar a súa vindeira cita, a cal terá lugar na Feira Internacional de Galicia ABANCA do 24 ao 26 de novembro de 2027.

Así, un equipo da feira encabezado polo seu director, Ricardo Durán, atende estes días un stand no que se informa aos visitantes da completa proposta que dende hai meses está a implementarse para 2027. Ademais, están a realizarse visitas a outros expositores para darlles a coñecer as vantaxes de formar parte de ExpoBus Iberia 2027.

ExpoBus, unha cita que segue medrando

ExpoBus Iberia continúa experimentado unha magnífica evolución. Así, situada como a segunda maior feira do sector a nivel nacional, despois de FIAA, na súa última cita reuniu 142 firmas de 23 países, representadas por 69 expositores directos de seis países que ocuparon 8.414 metros cadrados netos.

Estas cifras supuxeron un notable crecemento e converteron a pasada edición na maior celebrada ata o momento. Así, as firmas representadas foron un 10% máis que na anterior cita, mentres que os expositores directos aumentaron un 11,3% e ocuparon un 26,7% máis de superficie neta.

En canto ao número de visitantes, rexistrou 2.620 profesionais, un 28% máis que na anterior convocatoria. Unha afluencia moi relevante tendo en conta a especificidade do sector e o carácter altamente técnico da feira.