- EFICIENCIA, SUSTENTABILIDADE, SEGURIDADE, ACCESIBILIDADE OU DIXITALIZACIÓN SON ALGÚNS DOS ASPECTOS QUE MÁIS DESTACAN ENTRE AS NOVIDADES DAS EMPRESAS PRESENTES NESTA FEIRA, A CAL PECHA AS SÚAS PORTAS MAÑÁ ÁS 16.00H NA FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA
- UN FORD-T DE 1908 OU UN HISPANO SUÍZO DE 1935 QUE É O ÚNICO DESTE MODELO QUE SE CONSERVA NA ACTUALIDADE SON ALGÚNS DOS MÁGNÍFICOS VEHÍCULOS COS QUE OS VISITANTES PODEN VOLVER AO PASADO
- AS XORNADAS E PRESENTACIÓNS CONTINÚAN NO CERTAME, ABORDANDO ASPECTOS COMO O TACÓGRAFO INTELIXENTE, ALCOHOLÍMETROS ANTIARRANQUE OU UN POSGRADUADO EN TRANSPORTE DE VIAXEIROS
Silleda, 17 de novembro de 2023.- A III Feira do Transporte de Viaxeiros por Estrada, ExpoBus Iberia 2023, a cal pecha as súas portas mañá ás 16.00 horas na Feira Internacional de Galicia ABANCA, continúa hoxe conxugando as solucións tecnolóxicas máis innovadoras con auténticas xoias clásicas que permiten aos visitantes volver ao pasado.
As empresas e entidades que participan na área expositiva, que representan a 130 firmas expositoras de 18 países, conforman un completo escaparate no que poden verse as últimas tendencias e novidades no transporte de viaxeiros por estrada, tanto en vehículos como en equipamento, sistemas, servizos e tecnoloxías orientadas a ofrecer solucións de mobilidade para mellorar a vida dos cidadáns.
Eficiencia, sustentabilidade, seguridade, accesibilidade ou dixitalización son algúns dos aspectos que destacan na exposición, podendo verse autobuses de última xeración, 100% electrónicos ou de emisión 0, sistemas que utilizan a intelixencia artificial para monitorizar o estado emocional e físico do condutor e detectan signos de fatiga ou estrés, enxeñería especializada en conversión de vehículos profesionais a combustibles alternativos, solucións de seguridade como cámaras 360º para evitar atropelos ou colisións, ultimas versións de equipamento para os vehículos, novos sistemas de xestión de frotas ou innovadores conceptos de mobilidade como o transporte a demanda.
Xoias sobre rodas
Ademais do presente e o futuro do sector, en ExpoBus Iberia tamén se pode viaxar ao pasado a través dunha mostra de vehículos espectaculares, como un dos primeiros autobuses que existiron no mercado, un Ford T de 1908 que contaba con 12 asentos aínda de madeira, ou un Hispano Suízo T-69 de 1935 pero que non puido ser carrozado e matriculado ata 1941 debido á Guerra Civil. Este último, que segundo os datos dos seus propietarios é o único deste modelo que se conserva na actualidade, diferenciaba tres clases. A terceira contaba con 20 prazas no teito e estaba ocupada por pasaxeiros que eran os que tiñan que baixarse a empuxar o autobús no caso de que este non puidese subir unha costa.
Entre eles tamén se mostran outros orixinais vehículos desde a década dos corenta ata os oitenta. Algúns eran autobuses de luxo adiantados ao seu tempo e con extras da época, como floreiros de porcelana pintada a man na parte central do parabrisas, butacas en moqueta, reloxo para viaxeiros, equipo de radio con micrófono ou cristais alpinos que permitían unha visión panorámica.
Outros tamén foron pioneiros. Entre eles un vehículo de reducida dimensión que se presentou no Salón de Xenebra de 1955 como o primeiro autobús compacto e cuxa luxosa estética e gran superficie acristalada o converteu no preferido das compañías chárter e dos primeiros turistas europeos da época; ou un modelo de 1968 moi completo, con butacas reclinables e desplazables, calefacción, revisteiros, suspensión independente dianteira ou equipo de música con dous micros.
Estes vehículos poden circular e en moitos casos alúganse para acontecementos e celebracións, participando algúns en recoñecidas películas como Palmeras en la Nieve ou A Esmorga; en series como Velvet ou Dalia a Modista; ou en anuncios publicitarios ou eventos promocionais de entidades como a ONCE ou Bimba y Lola.
Os autobuses expostos pertencen a seis empresas que dedicaron moito tempo, esforzo e enxeño para restaurar estes autocares, converténdoos en auténticas xoias sobre rodas. Son de Empresa Cuiña e Transportes Mosquera (ambos do grupo Autocares Rías Baixas), Autocares Lázara, Autocares Meijide, Empresa Lázara e Autocares de Santiago.
Xornadas técnicas e presentacións
No certame continúa celebrándose un interesante programa de xornadas e presentacións. Respecto ás primeiras, centráronse esta mañá no transporte a demanda e tamén a reestruturación de débedas e beneficios da nova lei concursal. Os seus relatorios correron a cargo de Juan Alvado, socio de Moore, e Jordi Carbonell, CEO de Nemi.
Súmanse ao longo do día de hoxe numerosas presentacións, entre elas, dun posgraduado universitario en dirección de operacións, xestión de frotas e planificación de roteiros no transporte de viaxeiros, alcoholímetros antiarranque ou sistemas de xestión de frotas.
>>> + FOTOS EXPOBÚS 2023