- ESTE PROFESIONAL, QUE CONSEGUIU UN TOTAL DE 658 PUNTOS E DESENVOLVE A SÚA ACTIVIDADE NA EMPRESA AUBESA, TAMÉN GAÑOU NAS CATEGORÍAS DE EUROPA E ESPAÑA
- NA COMPETICIÓN, ORGANIZADA POR ESTA FEIRA DO TRANSPORTE DE VIAXEIROS POR ESTRADA, PARTICIPARON FINALMENTE PRETO DE 70 CONDUTORES E CONDUTORAS DE DISTINTOS PUNTOS DE ESPAÑA E PORTUGAL
Silleda, 22 de novembro de 2025.- O lucense Alejandro Álvarez Méndez alzouse hoxe no marco da feira ExpoBus Iberia co premio Mellor Condutor de Autocares 2025 nas categorías de Mundo, Europa e España. Este profesional, que conseguiu 658 puntos, desenvolve a súa actividade na empresa Aubesa.
O segundo posto na categoría Mundo foi para Sergio Pérez, o cal traballa en Autocares Iglesias (Vigo) e alcanzou 613 puntos. O terceiro lugar conseguiuno Fernando Gesto, que exerce a súa actividade en Autos Carballo (Lugo) e obtivo 610 puntos.
En canto á categoría de Europa, o segundo posto recaeu no portugués Eduardo Silva, quen traballa en Rodoviaria do Tejo e conseguiu 604 puntos. O terceiro lugar foi para José Vicente Balteiro, o cal desempeña o seu traballo en Arriva (A Coruña) e conseguiu 599 puntos.
Respecto á categoría de España, o segundo lugar obtívoo Juan Manuel Orjales, quen traballa na empresa Arriva (A Coruña) e obtivo 593 puntos. O terceiro recaeu en Roberto Carlos Cancela, quen é condutor en Aulusa (Santiago de Compostela) e obtivo 549 puntos.
Ademais, foron galardoadas as tres empresas nas que desempeñan o seu traballo os gañadores de cada categoría.
Esta edición, a primeira con categorías internacionais, contou finalmente coa participación de preto de 70 condutores e condutoras de distintos puntos de España, como Galicia, Castela e León, Cantabria, Madrid, Valencia ou Canarias, e tamén de Portugal. Todos eles realizaron un exame de coñecemento e diversas probas nas que tiveron que mostrar a súa habilidade, anticipación, suavidade e hábitos, entre elas slalom por diante e por detrás, diana de precisión, cambio de carril, cálculo de paso estreito e de altura, aparcamento lateral, suavidade en freadas e aceleracións ou posición das mans ao volante.
Fixérono nun circuíto deseñado especialmente para iso situado no recinto feiral e en vehículos da marca MAN equipados coa tecnoloxía e seguridade máis avanzada do mercado. Os técnicos e formadores da empresa TECE encargáronse do deseño do circuíto, realización das probas e valoración de candidatos.
Entrega de premios
Este mediodía levouse a cabo a entrega de premios deste concurso, o cal contou con MAN como patrocinador principal e co Sindicato Libre de Transporte (SLT) e Proformatrans como patrocinadores destacados.
No acto, que foi presentado por Mayte Rodríguez, da publicación Carril Bus e coordinadora da competición, entregaron os diversos premios Nicolás Escudero, delegado comercial de MAN Bus para a zona noroeste; Julio Muñoz, secretario xeral do Sindicato Libre de Transporte; Gerhard Eigenbauer, da empresa TECE e en representación do xurado do concurso, e Manuel Rodríguez, condutor zamorano que foi o vencedor na última edición desta competición.
Non puido estar presente o gañador deste concurso nas categorías de España, Europa e Mundo, Alejandro Álvarez Méndez, pero si unha compañeira da empresa Aubesa, a cal recolleu os títulos no seu nome.









