- O DIRECTOR XERAL DE MOBILIDADE DA XUNTA DE GALICIA, IGNACIO MAESTRO, ABRIU ESTA MAÑÁ O PROGRAMA DE CONFERENCIAS DA FEIRA
- OS PRESIDENTES DAS TRES PRINCIPAIS ASOCIACIÓNS NACIONAIS DO TRANSPORTE DE VIAXEIROS POR ESTRADA FALARON DA SITUACIÓN DO SECTOR NO PAÍS, MENTRES QUE DIVERSOS EMPRESARIOS FIXÉRONO DO TRANSPORTE DISCRECIONAL EN ESPAÑA, MARROCOS, PORTUGAL E PAÍSES BAIXOS
Silleda, 16 de novembro de 2023.- A III Feira do Transporte de Viaxeiros por Estrada, ExpoBus Iberia 2023, que se celebra dende hoxe xoves ata o sábado no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA deu comezo esta mañá ao seu programa de actividades.
O encargado de abrir esta programación foi o director xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, Ignacio Maestro, quen fixo un repaso dos importantes avances no ámbito do transporte en autobús en Galicia dende antes da pandemia ata hoxe, destacando tanto a súa modernización como as notables melloras na oferta, pasando de 900 liñas a 3.600 na actualidade e multiplicando por dúas tanto o número de paradas como de servizos, ademais de situar a media de idade dos autobuses en 5,7 anos, case a metade da media nacional. Tamén destacou a implementación do transporte a demanda e unha “aposta sen precendentes” polo transporte público gratuíto para xóvenes menores de 21 anos.
Estivo acompañado do director da Feira Internacional de Galicia ABANCA, Ricardo Durán, quen expresou a súa alegría por estar a celebrar ExpoBus tras o parón pola pandemia e fixo fincapé no gran interese do programa de xornadas durante a feira.
A continuación, deu comezo a primeira das mesas redondas, un faladoiro ao máis alto nivel na que interviñeron os presidentes das tres principais asociacións empresariais do transporte en autobús en España, como son Luis Ángel Pedrero, da Asociación Nacional de Empresarios de Transporte en Autocares (ANETRA); Rafael Barbadillo, da Confederación Española de Transporte en Autobús (CONFEBUS), e Alfonso Taborda, da Asociación de Empresas de Autocares (DIREBUS).
Durante as súas intervencións fixeron un balance da situación do sector do autobús e autocar nestes momentos, a repercusión e situación do sector empresarial tras a pandemia e o encarecemento dos prezos, especialmente da enerxía. Ademais, abordaron outros temas que preocupan e afectan o sector empresarial, como os retos tecnolóxicos aos que ten que enfrontarse. O encontro incidiu ademais dun modo especial na análise da situación do transporte escolar, base da actividade de moitas empresas no país.
Transporte discrecional en España e outros mercados
A continuación, celebrouse outra mesa redonda na que participaron catro empresarios relacionados co transporte discrecional de viaxeiros, é dicir, servizos de transporte escolar e traballadores, traslados, excursións e todo tipo de servizos turísticos. Foron o español Luis Ángel Pedrero, de Car Tour; o neerlandés Rogier Staal, de Royal Oostenrijk Group; o marroquí Thami Mourad, de GM2 Tours e o portugués Joâo André Varela Coelho, BusVouga. Todos eles analizaron as singularidades e situación deste tipo de transporte nos seus mercados, realizando unha comparativa co que sucede en España. Esta mesa, que estivo patrocinada por ANETRA, foi moderada por Justyna Mazurek, consultora internacional de Nunsys, empresa colaboradora desta asociación.
Por outra banda, tamén de man de ANETRA, celebrouse a conferencia “Construíndo xuntos un futuro ilusionante”, impartida por Luis Galindo. Pioneiro en España na aplicación práctica da psicoloxía positiva á dirección de equipos, Galindo é o conferenciante máis solicitado polas grandes empresas en cuestións de motivación e liderado. Conta con máis de 42 anos de experiencia en postos directivos da área de recursos humanos, impartiu máis de 3.000 conferencias e seminarios en máis de 30 países e actualmente colabora con empresas e prestixiosas escolas de negocio como IESE, ESADE, IE, APD, Euroforum ou o Centro de Estudos Garrigues, entre outras.
Desde Anetra sinalaron que se trataba “dunha conferencia motivacional que axudará a asentar as estratexias que melloren o futuro das nosas empresas”, xa que “compartimos reflexións e ferramentas que nos axudarán na apaixonante e difícil función de dirixir, motivar e comprometer aos nosos equipos.