- O PROGRAMA DO CERTAME ACOLLERÁ NUMEROSAS EXPOSICIÓNS POR PARTE DE EMPRESAS PRESENTES NESTA III FEIRA DO TRANSPORTE DE VIAXEIROS POR ESTRADA, QUE SE CELEBRARÁ DO 16 AO 18 DE NOVEMBRO
- ESTA CITA TAMÉN INCLUIRÁ ENTRE AS SÚAS ACTIVIDADES UN CIRCUÍTO DE PROBAS NO QUE VARIAS EMPRESAS PORÁN A DISPOSICIÓN DOS SEUS POTENCIAIS CLIENTES A POSIBILIDADE DE CONDUCIR ALGÚN DOS SEUS MODELOS
Silleda, 13 de novembro de 2023.- A III Feira do Transporte de Viaxeiros por Estrada, ExpoBus Iberia 2023, que se celebrará do 16 ao 18 de novembro na Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda – Pontevedra), acollerá no seu programa numerosas presentacións de expositores, as cales darán a coñecer produtos, servizos e enfoques que responden tanto as necesidades e retos do sector como ás demandas dos usuarios.
A primeira delas centrarase na estratexia global da empresa Scania, destacando os seus obxectivos de redución de emisións e os novos desenvolvementos tecnolóxicos, os cales serán explicados por Alberto Linares, director comercial de Buses, Motores e Sustentabilidade de Scania Ibérica. A continuación, darase a coñecer a súa gama de buses, a implementación do novo regulamento xeral de seguridade e os novos asistentes de axuda ao condutor ADAS, por parte de Rodrigo Hernán e Rubén García, de Scania Ibérica. Ademais, durante a feira a compañía realizará as presentacións “Scania Driver Support e conectividade” e “Produtos de servizo: contratos CMR Total”.
Outra das presentacións estará protagonizada polo software de xestión ZDBUS, de Zona Desarrollo, o cal integra nunha única solución todas a área operativas e administrativas das empresas de autocares. As súas características serán expostas por Patxi Ochoa, asesor na transformación dixital de empresas de autocares da compañía. Sumarase o sistema de transporte a demanda de Bus4.me, na que Daniel Gracia i Tarrazona, product manager da compañía, falará desta solución tecnolóxica deseñada para facilitar a implantación e xestión do innovador servizo de transporte á demanda.
Baixo o título “EmotAI, mellorando a seguridade e benestar dos teus condutores profesionais: solucións para reducir baixas laborais, custos de reparación e primas de seguridade”, a empresa Evestel expoñerá estratexias para promover a cultura de seguridade e a implementación de tecnoloxías innovadoras, abordando como previr riscos ao volante e mellorar a contorna laboral dos condutores. O seu CEO, Félix Primo, será o encargado de descubrilas aos asistentes.
Ademais, as adaptacións da pegatina Eco aos autocares centrará outra das presentacións, neste caso por parte de Evarm e o seu responsable de Expansión, Antonio Feliz, quen falará sobre adaptacións de pequenas e grandes frotas, proxectos chave en man e servizos a medida para a conversión de vehículos profesionais a combustibles alternativos como o gas natural, gas licuado e hidróxeno, que teñen etiqueta ECO ou 0 emisións.
Durante a celebración de ExpoBus Iberia tamén se dará a coñecer o posgraduado universitario en dirección de operacións, xestión de frotas e planificación de roteiros no transporte de viaxeiros, que organiza Lextransport xunto coa Universidade de Valladolid. Esta formación universitaria a medida dos profesionais do sector daraa a coñecer o CEO da compañía, Javier Néstor Val Fernández.
Canto marca no alcoholímetro unha copa de augardente? E canto tarda en desaparecer para dar negativo nun test de alcoholemia? son dúbidas que resolverá o director comercial de Mostt Solucións Tecnolóxicas, Pablo Riera, nunha presentación na que falará sobre os alcoholímetros antiarranque e a reformada lei de tráfico.
Circuíto de probas
Outra das actividades técnicas do programa de ExpoBus Iberia 2023 será o seu circuíto de probas. Así, varias firmas presentes na feira, como Temsa (Marín Ayala) e King Long (KL Buses) poñerán ao dispor dos seus potenciais clientes a posibilidade de conducir algún dos seus modelos durante os tres días de feira.
Poderán facelo nun circuíto que discorrerá tanto polo espazo exterior do recinto como por estrada, nun trazado que irá ata o polígono industrial do veciño municipio de Lalín e volverá ata o seu punto de partida no recinto feiral.