- O EQUIPO DA FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA CONTINÚA XESTIONANDO A PARTICIPACION DE EMPRESAS E ENTIDADES NA SÚA ÁREA EXPOSITIVA, A CAL SE PECHARÁ NOS VINDEIROS DÍAS
- ESTASE COMPLETANDO TAMÉN O DESEÑO DO SEU PROGRAMA DE ACTIVIDADES, NO QUE DESTACARÁN AS XORNADAS TÉCNICAS CON PARTICIPACIÓN DE PROFESIONAIS DE ALTO NIVEL, A EXPOSICIÓN DE VEHÍCULOS CLÁSICOS OU O PREMIO AO MELLOR CONDUTOR DE AUTOCARES DE ESPAÑA
Silleda, 28 de outubro de 2023.- A Feira do Transporte de Viaxeiros por Estrada, ExpoBus Iberia, prepárase xa para celebrar a súa terceira edición, a cal terá lugar do 16 ao 18 de novembro no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, situado en Silleda.
Será un magnífico punto de encontro no que empresas e profesionais dispoñerán dun marco perfecto para xerar negocio, interaccionar e debater.
Para iso, o equipo da Feira Internacional de Galicia ABANCA continúa xestionando a presenza de empresas e entidades, de cara a pechar nos vindeiros días a participación na área expositiva do certame, na cal xa confirmaron a súa presenza a maioría das principais empresas fabricantes e carroceiras do sector do autobús, ademais de multitude de compañías relacionadas coa industria auxiliar. Todas elas conformarán un completo escaparate no que se poderán ver as últimas tendencias e novidades no sector.
Ademais, está a completarse tamén o deseño do seu programa de actividades, no que destacarán as súas xornadas técnicas, que se desenvolverán durante os tres días do certame e contarán coa intervención de profesionais de alto nivel.
Sumarase unha magnífica exposición de vehículos clásicos con verdadeiras xoias, un circuíto de probas de distintos modelos presentes na feira, presentacións e asembleas.
Inscricións para o Premio ao Mellor Condutor
Unha das actividades máis rechamantes do programa de ExpoBus Iberia 2023 será o Premio ao Mellor Condutor de Autocares de España, o cal conta coa empresa MAN Truck & Bus como patrocinador principal e con Irizar como patrocinador do acto de entrega de galardóns.
Os condutores e condutoras que queiran inscribirse nesta competición, teñen de prazo ata o vindeiro martes, 31 de novembro. No concurso, que se realizará nas instalacións da Feira Internacional de Galicia ABANCA deberán realizar un exame de coñecementos tipo test e diversas probas de habilidade nun circuíto deseñado especialmente para iso.