- SERÁ NUNHA MESA REDONDA PATROCINADA POLA ASOCIACIÓN NACIONAL DE EMPRESARIOS DE TRANSPORTES EN AUTOCARES (ANETRA)
- ESTA III FEIRA DO TRANSPORTE DE VIAXEIROS POR ESTRADA CELEBRARASE DO 16 AO 18 DE NOVEMBRO NA FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA
Silleda, 10 de novembro de 2023.- A III Feira do Transporte de Viaxeiros por Estrada, ExpoBus Iberia 2023, que se celebrará do 16 ao 18 de novembro na Feira Internacional de Galicia ABANCA, será un punto de encontro internacional do sector.
Proba diso é a celebración, o seu primeiro día, dunha mesa redonda na que participarán empresarios de catro países relacionados co transporte discrecional de viaxeiros, é dicir, servizos de transporte escolar e traballadores, traslados, excursións e todo tipo de servizos turísticos. Serán o español Luis Ángel Pedrero, de Car Tour; o neerlandés Rogier Staal, de Royal Oostenrijk Group; o marroquí Thami Mourad, de GM2 Tours e o portugués Joâo André Varela Coelho, BusVouga.
Todos eles analizarán as singularidades e situación deste tipo de transporte nos seus mercados, realizando unha comparativa co que sucede en España.
A mesa redonda, que estará patrocinada pola Asociación Nacional de Empresarios de Transportes en Autocares (ANETRA), será moderada por Justyna Mazurek, Consultora Internacional de Nunsys, empresa colaboradora de ANETRA.
Construíndo un futuro ilusionante, con ANETRA
Ademais de patrocinar esta mesa redonda, no primeiro día de feira ANETRA levará a cabo outras actividades no marco do certame.
Unha desas propostas será a conferencia “Construíndo xuntos un futuro ilusionante”, impartida por Luis Galindo. Pioneiro en España na aplicación práctica da psicoloxía positiva á dirección de equipos, Galindo é o conferenciante máis solicitado polas grandes empresas en cuestións de motivación e liderado. Conta con máis de 42 anos de experiencia en postos directivos da área de recursos humanos, impartiu máis de 3.000 conferencias e seminarios en máis de 30 países e actualmente colabora con empresas e prestixiosas escolas de negocio como IESE, ESADE, IE, APD, Euroforum ou o Centro de Estudos Garrigues, entre outras.
Desde Anetra sinalan que se trata de “unha conferencia motivacional que nos axudará a asentar as estratexias que melloren o futuro das nosas empresas”. Os empresarios do sector do transporte enfróntanse cada día a numerosas preocupacións pero tamén atopan estimulantes retos, polo que, indican, “imos compartir reflexións e ferramentas que nos axuden na apaixonante e difícil función de dirixir, motivar e comprometer aos nosos equipos.
Por outra banda, Anetra celebrará a súa Asemblea de Socios, a cal estará aberta tamén a todos os empresarios do sector para poñer en valor o mundo asociativo.