CONFEBUS e a feira ExpoBus 2025 potencian o transporte en autobús do 20 ao 22 de novembro

  • A CONFEDERACIÓN ESPAÑOLA DE TRANSPORTE EN AUTOBÚS, A ORGANIZACIÓN MÁIS REPRESENTATIVA DO SECTOR DO AUTOBÚS, E O CERTAME, QUE TERÁ LUGAR NA FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA, SUBSCRIBIRON UN ACORDO DE COLABORACIÓN

Silleda, 24 de setembro de 2025.- A Confederación Española de Transporte en Autobús, CONFEBUS, e a Feira do Transporte de Viaxeiros por Estrada, ExpoBus Iberia, acordaron axuntar esforzos para a celebración da cuarta edición do certame, a cal terá lugar do 20 ao 22 de novembro no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, en Silleda (Pontevedra).

Con este obxectivo, subscribiron un acordo de colaboración para contribuír ao impulso do sector do transporte de viaxeiros por estrada a través desta feira, a cal é xa a segunda maior deste ámbito a nivel nacional.

Así, CONFEBUS difundirá o certame entre os seus asociados para que coñezan a proposta de ExpoBus Iberia, deseñada para que estas empresas de transporte de viaxeiros atopen as mellores solucións para modernizar e mellorar tanto os seus vehículos como os servizos aos seus clientes. Así mesmo, organizará un encontro para as empresas que integran a Confederación.

Pola súa banda, a Feira Internacional de Galicia ABANCA facilitará un espazo expositivo a CONFEBUS durante ExpoBus Iberia 2025 e cederalle unha sala para a realización tanto do encontro como doutras actividades que considere de interese.

Este acordo, que se suma ao subscrito con outras importantes agrupacións sectoriais, sitúa a ExpoBus como un referente para empresas e profesionais, ademais de seguir consolidando un evento cunha magnífica proposta.

Neste sentido, durante tres días conformará un gran escaparate con presenza das principais empresas fabricantes e carroceiras do sector do autobús, ademais de numerosas compañías relacionadas coa industria auxiliar, as cales mostrarán ás empresas de transporte e os seus profesionais as últimas novidades en vehículos, equipamento, sistemas, servizos ou solucións tecnolóxicas para as súas frotas.

Ademais, as súas actividades inclúen desde interesantes xornadas que abordan as problemáticas do sector ou os seus retos de futuro ata un circuíto de probas para testar o funcionamento dalgúns modelos, unha exposición de vehículos clásicos ou o Premio ao Mellor Condutor de Autocar, que este ano se internacionaliza con tres categorías, nacional, europea e mundial.

CONFEBUS, preto de dous mil asociados

A Confederación Española de Transporte en Autobús, CONFEBUS, é a organización máis representativa do sector do transporte en autobús, aglutinando a empresas de autobús españolas de todas as actividades (transporte regular, urbano, discrecional, escolar, turístico…) e de todos os tamaños. Conta con máis de 30 organizacións territoriais e sectoriais federadas e preto de 2.000 empresas de transporte asociadas.

Representa así a máis do 70% do sector, o cal factura máis de 6.000 millóns de euros, inclúe un total de 2.700 empresas e ocupa a máis de 95.000 persoas, transportando a máis de 3.365 millóns de viaxeiros cada ano: o 60% dos desprazamentos en transporte colectivo realízase en autobús.