- ESTA III FEIRA DO TRANSPORTE DE VIAXEROS POR ESTRADA CELEBRARASE DO 16 AO 18 DE NOVEMBRO NA FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA
Silleda, 9 de novembro de 2023.- A III Feira do Transporte de Viaxeiros por Estrada, ExpoBus Iberia 2023, que se celebrará do 16 ao 18 de novembro na Feira Internacional de Galicia ABANCA, suma outra interesante mesa de debate.
Así, na súa segunda xornada, que será o Día da lndustria, levarase a cabo un faladoiro no que representantes das empresas fabricantes de autocares e a industria tratarán as alternativas sostibles para autocares de longo percorrido.
A tendencia para incorporar vehículos de baixas ou cero emisións vaise trasladando aos segmentos de longo percorrido, aínda que actualmente existen máis solucións neste sentido para os vehículos urbanos ou de proximidade que para autocares de longa distancia.
Así, os fabricantes abordarán por onde pasan esas solucións sostibles, como a hibridación, o gas, a electricidade ou o hidróxeno, achegando a súa visión de futuro. Alberto Linares, de Scania; Antonio Bautista, de Otokar e Miguel Ángel Martín, de DobleEco, serán os encargados de achegar o seu punto de vista nesta xornada, mentres que Daniel Gallego, director de Nexobus, moderará o debate.
Cambios lexislativos e o novo tacógrafo intelixente
Posteriormente, terá lugar unha conferencia formativa sobre os cambios na nova xeración do tacógrafo intelixente, o cal entrou en vigor o pasado mes de agosto e resulta de gran interese para empresarios, profesionais e condutores. Este tacógrafo é resultado das especificacións do paquete de mobilidade da Unión Europea, que non só modifica os períodos de descanso, senón que regula tamén as obrigacións relacionadas coa cabotaxe e desprazamento de condutores, co obxectivo de conseguir mellores condicións de traballo, igualdade en termos de competencias e máis seguridade nas estradas.
A nova xeración do tacógrafo intelixente, que permitirá agora o control e a aplicación destas regulacións, introduce novas funcións e modifica parcialmente outras, ademais de proporcionar datos fiables para unha interpretación e control máis eficiente no transporte internacional de pasaxeiros e mercadorías.
De expoñer estas características e aclarar as dúbidas que supón, vai encargarse Jesús López, director comercial de Segmento Connected Commercial Vehicles Solutions para España e Portugal en Continental Automotive Spain.