O Comité de ExpoBus Iberia mostra o seu total apoio á feira e reunirase a mediados de ano para decidir as datas da súa vindeira edición

  • CELEBROU ESTA MAÑÁ UN ENCONTRO POR VIDEOCONFERENCIA AO QUE ASISTIRON PRETO DUNHA VINTENA DE REPRESENTANTES DO SECTOR DO TRANSPORTE DE VIAXEROS POR ESTRADA E ESTIVO PRESIDIDO POLO DIRECTOR XERAL DE MOBILIDADE DA XUNTA DE GALICIA

  • A FEIRA CONTA CUNHA MAGNÍFICA EVOLUCIÓN, REXISTRANDO NA SÚA ÚLTIMA CITA UN 50% MÁIS DE FIRMAS, UN 39% MÁIS DE EXPOSITORES E UNHA SUPERFICIE UN 36,5% MAIO

Silleda, 18 de febreiro de 2021.- O Comité Organizador da Feira do Transporte de Viaxeiros por Estrada, ExpoBus Iberia, reuniuse esta mañá por videoconferencia para abordar a próxima edición do certame.

O encontro, que estivo presidido polo director xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, Ignacio Maestro, contou coa asistencia de preto dunha vintena de representantes tanto de empresas de gran relevancia no sector como das principais asociacións, como son a Asociación Nacional de Empresarios de Transportes en Autocares (ANETRA), Asociación Nacional de Fabricantes de Carrocerías de Autobuses (ASCABUS), Federación Galega de Servizos de Transporte en Autobús (FEGABÚS), Federación Galega de Asociacións de Viaxeiros en Autocar (TRANSGACAR) e a Confederación Española de Transporte en Autobús (CONFEBUS).

Os asistentes manifestaron que nestes momentos, debido á situación de incerteza que segue existindo polo COVID-19, é precipitado establecer unha data para a súa próxima edición, a cal se correspondería con finais deste ano. Así, acordouse levar a cabo unha nova reunión a mediados de ano para volver avaliar a situación e tomar unha decisión.

Respaldo unánime

Neste mesmo sentido, o Comité expresou de forma unánime o apoio a ExpoBus Iberia e a súa próxima convocatoria. Un respaldo que o certame conseguiu grazas á súa magnífica evolución. Así, na súa última edición rexistráronse 1.882 visitantes, un 48% máis que na pasada cita. Unha cifra moi notable tendo en conta a especificidade do sector.

A nivel expositivo tamén medrou de forma importante, con 152 firmas expositoras, un 50% máis. Delas, 64 foron expositores directos presentes con stand, un 39% máis, entre os que estiveron moitas das principais empresas fabricantes e carroceiras do sector do autobús, ademais de numerosas compañías da súa industria auxiliar. Un crecemento que supuxo tamén unha maior presenza internacional, pois as firmas procedían de 21 países, un 61% máis, mentres que os expositores directos foron de 4 países, o dobre. Respecto á superficie neta, ocuparon 8.009 metros cadrados, un 36,5% máis. Un incremento que supuxo que a feira se estendese a un segundo pavillón.