ExpoBus Iberia aumenta a súa afluencia nun 48% e acada os 1.882 visitantes nunha edición cun gran crecemento a todos os niveis

  • ESTES ASISTENTES, QUE DESTACARON POLO SEU ALTO PERFIL PROFESIONAL, ERAN NA SÚA INMENSA MAIORÍA DE ESPAÑA E PORTUGAL, AÍNDA QUE TAMÉN SE REXISTRARON ALGÚNS PROCEDENTES DOUTROS SETE PAÍSES

  • OS EXPOSITORES MOSTARON A SÚA SARISFACCIÓN DE FORMA XERALIZADA

  • A FEIRA, QUE SE CONSOLIDA COMO A SEGUNDA DO SECTOR A NIVEL NACIONAL, CONTOU CUN 50% MÁIS DE FIRMAS EXPOSITORAS E CUNHA SUPERFICIE UN 36,5% MAIOR

Silleda, 23 de novembro de 2019.-  A Feira do Transporte de Viaxeiros por Estrada,  ExpoBus Iberia 2019, pechou hoxe as portas da súa segunda edición sumando ao seu importante incremento expositivo un notable aumento na cifra de asistencia. Así, acudiron ao recinto  Feira Internacional de Galicia ABANCA 1.882 visitantes, o que supón un 48% máis que na pasada cita, cando acudiran 1.266 persoas. Unha cifra moi notable tendo en conta a especificidade do sector e debida tanto á boa acollida do certame como á ampliación da súa duración nun día, motivada polo éxito da pasada convocatoria.

Estes visitantes, que destacaron polo seu alto perfil profesional, procedían na súa inmensa maioría de España e Portugal. Sen embargo, tamén se rexistraron algúns asistentes de Alemaña, Reino Unido, Irlanda, Italia, Romanía, Suíza e Turquía, sendo nalgúns casos convidados por marcas presentes na feira. Son en total de nove países, cando o ano pasado eran de cinco, aumentándose así o seu carácter internacional. En canto ao público nacional, é reseñable que acudiron profesionais do sector de todas as comunidades autónomas, ademais da cidade autónoma de Melilla.

A nivel expositivo a feira medrou de forma espectacular nesta edición. Así, ademais de contar cun día máis, o certame contou con 152 firmas expositoras, un 50% máis que na pasada cita. Delas, 64 foron expositores directos presentes con stand, un 39% máis. Un crecemento que supuxo tamén unha maior presenza internacional, pois as firmas expositoras procedían de 21 países, un 61% máis, mentres que os expositores directos foron de 4 países, que supoñían o dobre que o ano pasado e que eran de España, Portugal, Irlanda e Turquía. En canto ás empresas presentes directamente, tamén destaca que o 81% eran de fóra de Galicia, nacionais ou estranxeiras, mentres que na pasada edición érano o 72%.

Respecto á superficie neta, ocuparon 8.009 metros cadrados, un 36,5% máis que en 2018. Un incremento que supuxo que a feira se estenda a un segundo pavillón. Sumáronse a este espazo as zonas ocupadas por distintas actividades, chegando aos 29.000 metros cadrados brutos.

Entre os expositores de ExpoBus Iberia 2019 estiveron moitas das principais empresas fabricantes e carroceiras do sector do autobús, ademais de numerosas compañías da súa industria auxiliar. Todas elas conformaron un completo escaparate coas últimas tendencias e novidades no transporte de viaxeiros por estrada.

A inmensa maioría destes expositores mostraron á organización a súa satisfacción por esta segunda edición, na que ExpoBus Iberia se consolida como a segunda feira do sector a nivel nacional.

Un programa con gran interese

As actividades de ExpoBus Iberia tamén aumentaron nesta edición, destacando as propostas técnicas pero contando ademais con algunhas máis lúdicas.

Houbo un maior número de xornadas, que ademais destacaron por abordar temas de máximo interese. O primeiro día varios xestores nacionais debateron sobre o futuro da mobilidade urbana, ademais de levarse a cabo unha intervención centrada na viabilidade dos autobuses de hidróxeno e outra nos servizos dixitais Omniplus ON para autobuses e autocares. O segundo día o director xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, Ignacio Maestro, expuxo o Plan de Transportes de Galicia, tratáronse as innovacións en seguridade para autobuses e realizouse un coloquio sobre a situación do transporte de viaxeiros por estrada nos mercados portugués e francés. Hoxe analizouse a escaseza de condutores profesionais no sector.

Outra interesante proposta foi o concurso “Mellor Condutor de Autocares de España 2019”, o cal contou con Irizar como patrocinador principal e con Man Truck & Bus como patrocinador técnico. O boirense Daniel Alonso García, da empresa Autos Comparado (Noia) alzouse como vencedor, mentres que o segundo posto foi para Roberto Carlos Cancela Rodríguez, de Santiago de Compostela e condutor da empresa Autocares Rías Baixas, con sedes en Salcedo (Pontevedra) e Santiago de Compostela. O terceiro lugar conseguiuno o zamorano Rubén Álvarez Castro, da empresa Autos Álvarez de Viajeros (Zamora).

Tamén dentro do programa máis profesional incluíuse un circuíto de probas no que varias empresas puxeron ao dispor dos seus potenciais clientes a posibilidade de conducir algún dos seus modelos. Ademais, na liña de consolidación de ExpoBus Iberia como punto de encontro sectorial, tiveron lugar varias reunións, como as da Federación Galega de Servizos de Transporte en autobús (Fegabús) e a Federación Galega de Asociacións de Viaxeiros en Autocar (Transgacar).

En canto ás actividades máis lúdicas, destacou unha exposición de clásicos nas que puideron verse orixinais autobuses desde a década dos 30, con algún modelo que é o único que se conserva actualmente a nivel mundial. Auténticas xoias que pertencen a Empresa Cuiña e Autocares Mosquera (grupo Autocares Rías Baixas), Autocares Lázara, Autocares Meijide, Empresa Lázara, Autocares Benito García e a desaparecida Empresa Garrido.

Ademais, os visitantes puideron saber como viaxaban os nosos pais ou avós nos anos 50 gozando dun paseo nun vehículo do ano 1953 pertencente á colección de autobuses históricos da Empresa Cuiña.

->>> FOTOGRAFÍAS DE EXPOBÚS 2019