O boirense Daniel Alonso García alzouse hoxe en ExpoBus Iberia co título de Mellor Condutor de Autocares de España 2019

  • O VENCEDOR DESENVOLVE A SÚA ACTIVIDADE NA EMPRESA AUTOS COMPARADO, DE NOIA (A CORUÑA)

  • O COMPOSTELANO ROBERTO CARLOS CANCELA RODRÍGUEZ ACADOU O SEGUNDO POSTO, MENTRES QUE O TERCEIRO FOI PARA O ZAMORANO RUBÉN ÁLVAREZ CASTRO

  • COMPETIRON TRINTA CONDUTORES E CONDUCTORAS DAS CATRO PROVINCIAS GALEGAS, ASTURIAS, CASTELA E LEÓN, MADRID, BARCELONA E ANDALUCÍA

Silleda, 23 de novembro de 2019.-  O boirense Daniel Alonso García, da empresa Autos Comparado (Noia) alzouse hoxe no marco da feira  ExpoBus Iberia co premio Mellor Condutor de Autocar de España 2019, cunha puntuación de 966 puntos.

O segundo posto foi para outro galego, Roberto Carlos Cancela Rodríguez, de Santiago de Compostela, condutor da empresa Autocares Rías Baixas, con sedes en Salcedo (Pontevedra) e Santiago de Compostela. Obtivo un total de 950 puntos. O terceiro lugar conseguiuno o zamorano, de Poboa de Sanabria, Rubén Álvarez Castro, da empresa Autos Álvarez de Viajeros (Zamora), quen conseguiu 903 puntos.

Por outra banda, tamén se recoñeceu ás tres empresas dos condutores galardoados no concurso, o cal contaba con Irizar como patrocinador principal e con Man Truck & Bus como patrocinador técnico.

No concurso, que contou coa colaboración da publicación profesional Carril Bus, participaron nesta segunda edición unha trintena de condutores e condutoras procedentes de Galicia, Asturias, Castela e León, Madrid, Barcelona e Andalucía.

As probas que se levaron a cabo para conceder este galardón, realizadas con dúas unidades Man Lion´ s Coach e supervisadas por técnicos do Centro de Formación TECE (Técnicas Especiais de Condución Eigenbauer), foron slalom por diante e por detrás, diana de precisión, cambio de carril, cálculo de paso estreito e de altura e tamén aparcamento lateral. Ademais, por primeira vez levouse a cabo unha proba teórica, consistente nun exame tipo test.

Entrega de premios

A entrega de galardóns levouse a cabo este mediodía nun cóctel patrocinado pola empresa Irizar, ao que se convidou a todos os participantes tanto no concurso como na feira ExpoBus Iberia 2019.

Neste acto Ricardo Durán, director da Feira Internacional de Galicia ABANCA, mostrou a súa satisfacción por contar cun evento destas características no marco da feira e agradeceu aos patrocinadores a súa aposta por este evento. A continuación, o director do Centro de Formación TECE, Gerhard Eigenbauer, explicou en que consistiron as probas e destacou o alto nivel dos participantes.

Finalmente anunciáronse os galardóns, sendo entregado o terceiro por Ricardo Durán, o segundo por Nicolás Escudero, responsable comercial da zona noroeste da firma Man Truck & Bus; e o primeiro por Jon Isasisasmendi, do equipo comercial da zona norte da empresa Irizar.