A escaseza de condutores profesionais no transporte de viaxeiros pechou hoxe as xornadas técnicas de ExpoBus Iberia 2019

  • ESTE TEMA COMPLETOU UN PROGRAMA DE CONFERENCIAS QUE CONTOU CON MAIOR CONTIDO QUE NA PASADA EDICIÓN E SE CELEBROU NUN SET INTEGRADO NA PROPIA EXPOSICIÓN PARA CREAR UN ESPAZO DE DIÁLOGO ABERTO

Silleda, 23 de novembro de 2019.-  A Feira do Transporte de Viaxeiros por Estrada,  ExpoBus Iberia, a cal pecha hoxe as súas portas na  Feira Internacional de Galicia ABANCA, acolleu esta mañá a última das súas xornadas técnicas.

Nela abordouse a escaseza de condutores profesionais no sector e a problemática que xera. Juan Antonio Esteban, director de Recursos Humanos de Alsa, analizou esta situación e falou sobre os plans para o fomento e a mellora da imaxe do sector neste sentido.

Ademais, expúxose a realidade do sector desde o punto de vista dos condutores, analizando temas como a idade de xubilación, as enfermidades profesionais ou as condicións laborais. Tamén se abordou a visión social e o papel da Administración en canto a lexislación e sancións. Foi nun relatorio de José María Cazallas, secretario de Organización do Sindicato Libre de Transporte – SLT.

Un espazo de diálogo aberto

Con esta xornada completouse un programa que ademais de contar cun maior número de conferencias, destacou por abordar temas de máximo interese. Os visitantes puideron acceder libremente a todas as xornadas, as cales se desenvolveron nun set integrado na propia exposición do certame co obxectivo de crear un espazo de diálogo aberto.