Os candidatos a Mellor Condutor de Autocares de España 2019 comezan a realizar as probas na feira ExpoBus Iberia

  • HOXE LÉVANSE A CABO DÚAS QUENDAS PARA EVALUAR AOS PARTICIPANTES, MENTRES QUE MAÑÁ HABERÁ UNHA TERCEIRA E ENTREGARANSE OS PREMIOS

  • COMPITEN CERCA DE 30 CONDUTORES E CONDUCTORAS DE GALICIA, ASTURIAS, CASTILLA E LEÓN, MADRID E BARCELONA

Silleda, 22 de novembro de 2019.-  A Feira do Transporte de Viaxeiros por Estrada  ExpoBus Iberia, a cal ten lugar ata mañá no recinto  Feira Internacional de Galicia ABANCA, elixe estes días ao “Mellor Condutor de Autocares de España 2019”.

Esta competición, que xa conseguiu gran aceptación na súa primeira edición e conta coa colaboración da publicación profesional Carril Bus, comezou a realizar hoxe as súas probas. Nesta xornada haberá dúas quendas, ás que mañá seguirá outra en sesión matinal.

En total son preto de 30 os condutores e condutoras que participan nesta edición, procedentes de distintos puntos de Galicia, Asturias, Castela e León, Madrid e Barcelona.

Ademais de incorporarse por primeira vez un exame teórico, tipo test, avaliaranse aspectos como a suavidade na condución, a anticipación, a habilidade ou os hábitos. Para iso estanse realizando distintas probas, como son slalom por diante e por detrás, diana de precisión, cambio de carril, cálculo de paso estreito e de altura ou aparcamento lateral.

Estas probas, que se realizan con dous autocares da firma Man Truck & Bus, son supervisadas por técnicos e expertos do Centro de Formación TECE (Técnicas Especiales de Conducción Eigenbauer).

Entrega de premios

Mañá ás 14.00 horas terá lugar a entrega de premios deste concurso, o cal conta coa empresa Irizar como patrocinador principal e con Man Truck & Bus como patrocinador técnico.

O gañador recibirá o galardón “Mellor Condutor de Autocares de España 2019”, concedéndose tamén un segundo e un terceiro posto. Ademais, haberá recoñecemento para as empresas nas que traballan tanto o condutor premiado como o segundo e terceiro clasificado.